Xa de moi pequeno, Pablo apuntaba maneiras de pallaso. Con once anos apostaba con súa nai a que non lle caían tres mandarinas cando se estaba interesando polos malabares. As que lle caían tiña que comelas. E así aprendeu a xogar con tres pelotas, á vez que se coidaba dos catarros con sobredoses de vitamina C.
Nas reunións coa familia sempre gostaba de contar os novos chistes que aprendera e de facer imitacións e parodias de todos os personaxes daquela época.
De pequeno practicaba a hóckey sobre patíns, un deporte no que cada xogador ten un pau na man e a bóla coa que se xoga é dura coma o ferro. Sendo como era dos máis pequenos da clase, Pablo tivo que aprender a negociar e a levarse ven cos seus compañeiros, así como cos do equipo contrario para saír de cada partido dunha peza. Era bo tecnicamente no dominio da bóla e do xogo, mais a súa (pobre) consistencia física non daba para superar moitos atrancos. Pero sí para mellorar “forzosamente” as súas habilidades sociais…
Gozaba vendo ximnasia deportiva, sobre todo os exercicios de chan. Aguantaba un ou dous números de ximnasia rítmica ou patinaxe, pero podía ver o campionato enteiro de ximnasia deportiva. Ver os corpos voar deixábao alucinado, e pensaba: “¡¡¡Eu tamén quero!!!”. Infelizmente, naquela época non había ningún club de ximnasia na Coruña, a cidade onde viviu os seus primeiros 18 anos. Non había, ou moi ben llo esconderon os seus pais, que non querían saber nada do seu neno cabeza abaixo… senón coa cabeza metida nos libros, para se labrar un bo futuro.
Como era bo nos estudos, non houbo maneira de enganar os seus pais para facer INEF, a carreira do deporte, onde podería ter aprendido acrobacias, e, marchou para Santiago a estudar Matemáticas, si, claro, non podía ser outra, a carreira por excelencia dos pallasos.
Alí en Santiago, alén de descubrir as mozas, as festas, e a vida sen pais na que un fai o que quere… tamén descubriu o mundo dos malabares. Cansado de tantas festas sen sentido, de saír tanto e de ligar (nos seus soños), atopou unha arte que non tiña final, na que sempre se podía mellorar, na que un competía contra si mesmo: O Circo. Con algo menos de 20 anos comezou a xogar con 3, 4 bólas, pronto 5… mazas, diábolos, paus chineses e todo o que collía nas súas mans. Coñeceu a outros malabaristas e comezou o que sería un xiro na súa vida: O obradoiro de malabares da “Casa Encantada” en Santiago de Compostela.
Alí xuntábase con outros rapaces como David Parga, Manuel Lago, Marcos Ptt Carballido, Jose Perozo para facer malabares e falar, aprender cousas da vida en xeral, e sobre todo compartir un soño: O do circo. Ao principio era só un hobby, non en van, antes de coñecer a David Parga, escoitara que era un rapaz que o tiña claro e que quería ser malabarista como modo de vida, e Pablo pensara: “Que flipao”.
Pasados un par de anos, Pablo acadou certa sona no mundo malabarístico galego polo rápido que aprendía e o moito que melloraba, e así foi como Xose Lois Rodriguez “Kote” o introduciu no primeiro grupo de malabaristas galego fóra do mundo do circo tradicional: “Os Tromboni”. Con el, Pablo fixo a súa primeira xira, na que ía aprendendo o oficio do pallaso, tanto os bos momentos (nos que ri todo o mundo) como os malos (nos que os nenos non paran de berrar e mesmo patean os pallasos).
Este dúo dinámico pronto se convertería nun trío, “Malabaranda” a que foi a primeira compañía de teatro de rúa e circo de Galicia. Con Malabaranda, Pablo, Kote e Manuel Lago déronse a coñecer en todos os recunchos da xeografía galega e norte de Portugal: concellos, prazas, furanchos, “teleclús”…
lusco e fusco Pizza Xa from Pistacatro on Vimeo.
Pronto, as habilidades van mellorando e vai creando novos “números” que precisan de lles dar saída, dun lugar onde mostrar todas esas novas formas de arte que están a descubrir e a crear.
Desa necesidade xorde a famosa “Festa do Circo”. A primeira edición, na “Casa Encantada”, ten tal éxito que non pode entrar máis da metade da xente que quería asistir… Estaba claro que o público precisaba de cousas novas, non había internete daquela, e si unha grande necesidade dun entretemento diferente. Así fanse 10 edicións da “Festa do Circo” cada ano con máis público, dun xeito absolutamente voluntario, co traballo e as ilusións de moita xente.
O ano seguinte Pablo atrévese a dar o salto e “presentarse en sociedade” participando nas Ultranoites da “Sala Nasa”. Cóllelle tal gusto que non parou polo de agora, sendo un dos artistas habituais nestas celebracións de teatro “actual” en Santiago, agora dende hai uns anos en Teo.
O colectivo de malabaristas faise máis grande e convértese no colectivo Pistacatro, onde o denominador común é desenvolver o oficio de pallaso e a comedia física.
Aproveita os últimos anos da súa carreira para se formar en Teatro na escola “Espazo Aberto” e en clown con diferentes profesores, pero Pablo, sempre necesitado de retos e de novas emocións, decide presentarse á audición da escola de circo “The Circus Space” en Londres. Comunícanlle que foi aceptado uns días antes do exame da última materia da carreira de Matemáticas e… Pablo emociónase tanto que non se da concentrado para estudar, e deixa esa materia para setembro… Aprobada en setembro, entrégalle o título a seu pai, para que o enmarque e, agora si, dedícase enteiramente á súa paixón.
Nos dous anos de estudos londinienses, absorbe coma unha esponxa, e… dáse conta, sobre todo do duro que ten que ten ser dar clase de mates e que ninguén che faga caso. Mentres na Facultade de Matemáticas tomaba apuntamentos sen moito entusiasmo, faltaba de cando en vez ás clases, estudaba o xusto para ir aprobando… na escola de circo sucede o contrario: pide, demanda, exixe aos profesores máis todos os días, alonga se pode as clases uns minutos máis… o mundo o revés: así é o mundo do circo.
Vivindo moi austeramente, sen malgastar un peso, viaxando en bicicleta pola cidade, e traballando en bares até 12 horas seguidas para pagar un cuarto compartido nun barrio “intenso” no leste de Londres, Pablo é, con todo, a persoa máis feliz do mundo. Estes son sen dúbida os mellores anos da súa vida.
Na escola profundiza en malabares, pero por fin aprende a dar voltas no aire. A sensación da primeira vez que fai unha rondada fli-fla mortal (para os non analfacrobáticos, isto de ir saltando para atrás dos pés ás mans) sen axuda dálle sentido á súa vida… despois de anos estudando a gravidade, rirse dela, e aproveitala para xogar non ten comparación con outros praceres. Tamén descobre una nova dimensión física no movemento do corpo, e comeza timidamente a se interesar pola danza contemporánea e outros tipos de acrobacia, máis lixeira que a ximnástica, como a capoeira…
Así remata a súa segunda carreira, si, é verdade, Pablo Reboleiro licenciado en Matemáticas e en Circo. Soa un pouco ridículo, non? Pois entón é adecuado para un pallaso…
Queda en Londres un par de anos máis xa que ten traballo coas compañías máis importantes da época os malabaristas “Gandini Juggling Projetc”, a “Generating Company” coa que fai a produción Lactic Acid no “Laban Centre of Contemporary Dance” e como pallaso na compañía “Bureau of Silly Ideas” con que crea o espectáculo “The Whole Job” cunha xira intensa de dous anos nos que coñece a xeografía británica…
Pero aínda que ten traballo dabondo e a súa situación mellora, cunha bonita casa vitoriana, cun cuarto grande para el só, internete e ordenador portátil (soa pouco agora, pero naquela época era luxo), bota de menos a súa querida familia galega, a familia carnal e a familia dos pallasos, cos que segue colaborando na “Festa do Circo” e cos que crea o “Festival D’Gorra”. Tamén bota de menos facer os seus propios proxectos, e ve a necesidade de xerar un espazo escénico diferente en Galicia, un espazo máis físico e imaxinativo, que se vai chamar “Novo Circo Galego”.
Deste xeito no ano 2004 Pablo volve a Galicia para ficar aquí. No ano 2005 legalízase a Compañía “Pistacatro” co nome “Pistacatro produtora de Soños”. Durante os anos previos á crise, a empresa e os seu socios quedan colapsados pola demando de traballo, e… durante uns anos a súas capacidades creativas reséntense un pouco en favor da xestión deste proxecto. O que se chama “morrer de éxito”. Créase con coprodución con Centro Drámatico Galego, cando era a súa directora Cristina Dominguez (nunca lle poderemos agradecer suficientemente a súa aportación ao circo galego) a obra “Kamikaze” coa que Pistacatro se dá coñecer no mundo do teatro de interior. Participa tamén no pasarrúas “De 0 a 99 anos” nos espectáculos de gran formato: “Cabaré Pistacatro” e “Purgatorio”, e nun sinfín de proxectos que unen o artístico co social, comercial ou simple entretenimento. É neste tempo onde representa sen descanso, o seu espectáculo individual “Trasno”, gañador do Festiclown 2006 co que é moi coñecido en Galicia e no resto da península. Probablemente o espectáculo galego con maior númreo de funcións. Explorando a súa faceta musical tocando o acordeón crea o espectáculo cómico musical “Ringorrango”.
Durante este proceso Pablo comeza a observar coma ese mechón de cabelo blanco que sempre o caracterizou comeza a espallarse polos seus rizos, e, paralelamente descobre que os seus músculos e os seus ósos, a pesar de ser novos aínda, non aguantan do mesmo xeito os duros envites da acrobacia. Necesitado dunha actividade física que o calme, algo máis amable que a acrobacia descobre o mundo da danza. E das bailarinas. Nun primeiro momento a danza contemporánea máis acrobática, pero aos poucos déixase seducir polo mundo do baile (e polas bailarinas) estudando todo tipos de danzas, dende ballet a claqué.
Chega a crise económica e traballo comeza a escasear, os “bolos” case desaparecen despoblando as apretadas axendas deixando, eso sí, tempo abodo para crear, aprender e descobre novas cousas. Nese momento decide xuntarse con Alfredo Pérez “Circanelo”, outro dos artistas máis importantes do panorama escénico galego e crean a compañía “Lusco e Fusco” onde investigan novos xeitos de expresión entre teatro, danza e circo. Crean o espectáculo Encontros co que gañan o premio Valladolid Propone no Festival TAC (Teatro y Artes de Calle) de Valladolid e aínda xiran por todo o mundo. Este espectáculo foi elixido pola axencia AECID de cooperación cultural do Ministerio de Exteriores. Resiste así, aínda que dúramente, a falta de inversión en cultura dos concellos, empresas e público en xeral.
Aínda que principalmente actor, Pablo dirixe varios espectáculos, como “Remedios Peregríns” en colaboración co Xacobeo e “As tres”. Nun ánimo de desenvolver os códigos circenses na súa terra, e, farto tamén da ausencia de directores especializados en Galicia que sempre levasen os espectáculos de circo cara a códigos teatrais ou coreográficos, Pablo decide no ano 2012 dirixir un espectáculo de Circo tentando crear unha dramaturxia circense propia. Xorde o proxecto IMPREUNA (Xuntos), espectáculo que está a xirar actualmente, que foi elixido no FETEN Feira Internacional de Teatro de Xixón.
Ante a falta de demanda de espectáculos en Europa en xeral, toca o tempo da internacionalización, coma nos din no telediario. Así, dende o ano 2013 Pablo traballa coa compañía inglesa The Chipolatas, coma músico e pallaso, coa que está a xirar por todo o mundo, sobre todo en Australia, país que, casualmente non sufre os embites do da Prima de Risco, sen tocar Fondo Monetario Internacional. Así que agora é máis facil ver unha función de Trasno en Melbourne que en Santiago…
Nestes anos Pablo acadou moitas metas que se propuxo, superouse moitas veces, pero do que mais orgulloso está é conseguir que os seus pais acepten e estean orgullosos do seu traballo, e que digan en voz alta e sen complexos: O meu fillo é un Paiaso.